30/12/09
Arrebato
Acórdome do son que facía a cámara Super 8 ao final de "Arrebato". Só Iván Zulueta puido convertir ese ruido nun silencio devorador.
27/12/09
Desamparo
Acórdome daquel día de Nadal en que meus pais nos deixaron soas durante unhas horas. Era de noite e quixemos acender a árbore, pero enchufamos mal as luces e saltaron os fusibles. A escuras, qué desamparadas nos sentimos.
Reis enfadados
Acórdome de ensinarlle a miña irmá a Casa de Chabel que os Reis Magos tiñan escondida no maleteiro do coche para deixarnos esa noite. Pero os Reis déronse conta de que alguén andivera argallando no paquete e aquel 6 de xaneiro, castigada e avergoñada, vivín a peor mañá de reises da miña vida.
La pantera rosa
Acórdome da tarde en que un señor que ensaiaba a canción de La pantera rosa co saxo á porta do Conservatorio. Quedei fascinada.
19/10/09
Camping
Acórdome dos partidos de petanca e dos playbacks da Década Prodigiosa, naquel camping de perto de Madrid que uns vraos despois se inundara.
Sofía
Acórdome de pegar cousas e escribir nun libro de Los jóvenes castores coma se eu fose Sofía, a sobriña do Inspector Gadget.
Vergonza
Acórdome de levar posto o pantalón do chándal e a malla de ximnasia rítmica cando un idiota me mirou os peitos e falou deles diante dos seus amigos. Pasei moita vergonza.
Mercromina
Acórdome de botar mercromina nos xeonllos á mínima que tivese unha ferida. Por ver ese vermello intenso.
15/9/09
Lenda urbana
Acórdome cando me contaron dunha morte anunciada no momento en que alguén sacou uns vaqueiros ensangrentados da lavadora.
Alaska
Acórdome de que Alaska nos daba algo de medo presentando La bola de cristal. Chamábanos moito a atención o seu pelo, estabamos seguras de que non o peinaba nunca e iso convertíaa case case nunha bruxa auténtica.
Así duele un verano
Acórdome daquela canción de Migala onde se escoitaba un escena que adoro tomada de El Espíritu de la colmena.
Alba e María
Acórdome de cando a miña irmá e a miña prima María reventaron o termómetro enmarcado para comprobar a temperatura da auga quente.
Colo da avoa
Acórdome de cando me facía a durmida para que a miña avoa me levase no colo á cama e máis tarde, cando eu xa era grandiña, seguía levando a miña irmá e neses momentos, véndoa subir a escaleira que conducía aos nosos cuartos, queríaa máis ca nunca.
11/8/09
Marta tiene un marcapasos
Acórdome de aprenderlles a tocar ao piano ás amigas "Marta tiene un marcapasos". Era doada porque só se utilizaban as teclas negras.
5/8/09
30/7/09
San Roque
Acórdome de subir ao monte San Roque cargadas con todo o necesario para facer no cumio o chocolate. Potas, comida, mantas. E anos despois, acórdome de comer bocadillos de criollo.
Condón
Acórdome da primeira vez que vin un condón, alguén o inflou na clase e andivo voando por riba das cabezas mentres non entraba o profesor.
Carteiro Pat
Acórdome de cando me abrín a cabeza porque escoitei a música do carteiro Pat, fun correndo a sentarme no sofá para velo e dinme un golpe contra a esquina da ventá aberta. Meu pai levoume á bañeira e botoume auga coa billa da ducha. Nese momento timbrou a veciña, que viña a pedirnos sal, e atopouse con ese cadro. Acórdome que non foi preciso darme puntos, pero esa noite durmín cunha pañoleta na cabeza.
Eclipse de sol desde as nubes
Acórdome da segunda vez que collín un avión. Á ida comeume a dor causada pola presión nunha moa recén empastada, á volta houbo un eclipse de sol e foi fermoso. Un pasaxeiro sacou negativos da súas bolsa de mao e compartiunos para que puidésemos mirar sen medo desde as nubes. Outros tan só poñían as gafas de sol.
Alta tensión
Acórdome de merendar as catro sentadas no cemento da base da torre de alta tensión, ao lado da chousa.
23/7/09
Medo
Acórdome dunha vez que prendín a tele e había unha mai lendo un conto á filla antes de durmir. A mai marchaba despois de darlle un bico e apagar a luz. A nena botaba un pé por fóra da cama e unha mao saía de debaixo da cama e collíallo. Nese momento tiven que apagar a tele. Aínda hoxe me dá algo de grima botar o pé por fóra das sabas a escuras.
Piollos
Acórdome de miña mai e miña avoa a buscarme miúdas no pelo. E dese champú que tan mal cheiraba.
Cuestión de situación
Acórdome de "O que está na beira come pan de sacabeira, o que está no medio come pan de caramelo".
San Xoán
Acórdome da apaixoada recollida de madeira que realizaba a pandilla para queimar na fogueira de San Xoán. Esa noite o noso lume desafiaba sempre o cableado telefónico.
21/7/09
Dog Man Star
Acórdome de atopar unha cinta que non puiden deixar de escoitar durante un mes a pesar da angustia que me producía. Tempo despois descubrín que se trataba do Dog Man Star de Suede.
Bolos de leite
Acórdome do arrecendo aos bolos de leite que facía Marta a panadeira. Non se podía pasar pola calle do medio sen mercar un.
19/7/09
Exenta de relixión
Acórdome de que nas clases de relixión eu, exenta, facía un collage sobre a Última Cea. Todos me envexaban.
Transportados
Acórdome daquel día que fomos a un concerto no Dado Dadá e viaxamos a Nova Orleáns ou a Chicago.
Aunque te quiebre la vida
Acórdome de cando o avó choraba ao escoitarme tocar no acordión "Yira, yira".
Piaguda
Acórdome de remexer cun raño na area da ría coa marea baixa para atopar piaguda. Pillabamos as máis gordiñas e non nos daba ningún noxo. Daquela.
Porrón
Acórdome de cando íamos cun porrón por auga á fonte para os maiores que andaban apañando nas patacas.
Brillantina
Acórdome das dúas motas de brillantina que se instalaron na parede do cuarto despois de bicarnos por primeira vez. Estiveron alí ata que a pintaron de novo.
Unllas vermellas
Acórdome de poñermos as pegatinas vermellas das laranxas como se fosen unllas de chica.
26/6/09
Bici
Acórdome de aprender a andar en bici: primeiro tres rodas, logo dúas e unha mao apoiada á parede para coller o equilibrio, finalmente sen maos. A miña bici era rosa e tiña unha cestiña branca.
Message in a bottle
Acórdome de cando metimos unha carta nunha botella de cristal e a lanzamos á ría. Explicábamos quen eramos, os nosos nomes e apelidos, onde vivíamos, o contentas que nos poñeríamos se alguén atopaba a botella, o noso número de teléfono para contactar.
Insomnio
Acórdome do desesperante insomnio no meu vrao de prácticas, de ver cómo amencía desde a ventá do baño.
Asubíos
Acórdome de que meu avó me ensinou a facer unha flauta cunha herba e miña avoa a asubiar cos dedos.
Relixión
Acórdome de que cando ía en terceiro de EXB rezábamos todos os días antes de comezar as clases.
25/6/09
Suicidio
Acórdome da xemelga adolescente que se suicidou aforcándose cunha saba pola ventá do seu cuarto.
25/4/09
Colexio privado
Acórdome de que cando a Katy a matricularon no Junior´s nunca comía plátanos, aprendeu a pelar as laranxas con coitelo e garfo e nunca compartía a piscina cos rapaces.
El plátano es sensacional
Acórdome de "el plátano es sensacional, tan rico y fácil de pelar, tan rico y lleno de vitalidad, caramba, qué bueno que está, no hay ninguna otra fruta igual y a mí me gusta una bestialidad".
Barbie, Darling, Nancy
Acórdome que os zapatos das Barbies non servían para a Darling porque esta tiña os pés planos e a Barbie andaba sempre en tacóns. Eu preferín de sempre as Nancys.
Gusiluz
Acórdome de que todas as noites tiñamos que poñer a cara do Gusiluz da miña irmá debaixo da lámpara da mesiña de noite para que iluminase ben.
Boura-Boura
Acórdome de que o borracho oficial, Boura-Boura, levaba sempre flores na cabeza e follas de loureiro.
Virguerías
Acórdome de que as xemelas me ensinaron a facer lazos con palliñas de plástico para poñer no pelo.
Tetrix Gorbachov
Acórdome de que tiñamos unha maquiniña para xogar ao Tetrix. A ilustración da tapa era un Gorbachov astronauta flotando no espacio cheo de figuriñas para encaixar.
Aros
Acórdome das maquiniñas de auga nas que tiñas que encestar aros de cores a un lado e a outro. Entrenamento dixital para as futuras Gameboy.
24/3/09
Nanas
Acórdome de que miña mai me cantaba para durmir "duerme duerme, negrito" e "eu tiña un canciño que veu da Marola". Con esta última eu choraba en secreto, imaxinando un can que bailaba o fandango cunha patiña nada máis.
La comunista
Acórdome dunha da miña clase que cando lle veu a regra a unha compañeira dixo: "le vino la prima comunista".
Que pena daba o lobiño
Acórdome de había una vez un lobito bueno al que maltrataban todos los corderos.
Don Algodón II
Acórdome de que as pijas levaban na coleta os algodonosos lazos Don Algodón conxuntados coa roupa.
18/3/09
A rosca
Acórdome de cando miña mai me facía "a rosca" para que o pelo me quedara liso mentres durmía.
Toi 80´s
Acórdome que un ano fomos disfrazadas de Tois. Abafábamos debaixo das telas verdes e estresábannos as antenas que levábamos pegadas a unha diadema.
Tebras
Acórdome de xogar á pita cega (sic. el hombre de las tinieblas) coas persianas baixadas de todo. Aínda así sempre entraba algo de luz por unha regandixa, entón reforzábamos a escuridade poñéndolle unha venda a quen lle tocaba apandar.
(para Xur)
(para Xur)
2/3/09
El algodón...
Acórdome de "El algodón no engaña", que fixo espertar a miña limpiadora interior e dinlle con algodón enchoupado con alcohol a todo o que pillei por diante na casa, amosándolle os resultados á miña irmá. Estraguei unha foto que virou vermella ao contacto co alcohol.
Pipas Facundo
Acórdome de "Y el torito dijo al morir... Siento dejar este mundo sin probar pipas Facundo"
28/1/09
Enfermidade (4)
Acórdome de que meu pai me conseguiu polos seus propios medios unha televisión para ver o Doutor Who no cuarto do hospital.
Enfermidade (1)
De cando estiven enferma de apendicite, acórdome da caixa de música que me regalaron meus avós, vermella, cunha bailarina que tiña un imán para dar voltas ao son de "Para Elisa".
Corte de dixestión, apendicite
Acórdome de que antes de ter apendicite aguda comín cinco ameixas verdes raxando, bañeime no mar e fun feliz.
Wija
Acórdome de que nunca me atrevín a xogar á wija, porque me contaron un suceso relacionado cunhas tesoiras. E das cacofonías de San Ildefonso.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)