30/7/09
San Roque
Acórdome de subir ao monte San Roque cargadas con todo o necesario para facer no cumio o chocolate. Potas, comida, mantas. E anos despois, acórdome de comer bocadillos de criollo.
Condón
Acórdome da primeira vez que vin un condón, alguén o inflou na clase e andivo voando por riba das cabezas mentres non entraba o profesor.
Carteiro Pat
Acórdome de cando me abrín a cabeza porque escoitei a música do carteiro Pat, fun correndo a sentarme no sofá para velo e dinme un golpe contra a esquina da ventá aberta. Meu pai levoume á bañeira e botoume auga coa billa da ducha. Nese momento timbrou a veciña, que viña a pedirnos sal, e atopouse con ese cadro. Acórdome que non foi preciso darme puntos, pero esa noite durmín cunha pañoleta na cabeza.
Eclipse de sol desde as nubes
Acórdome da segunda vez que collín un avión. Á ida comeume a dor causada pola presión nunha moa recén empastada, á volta houbo un eclipse de sol e foi fermoso. Un pasaxeiro sacou negativos da súas bolsa de mao e compartiunos para que puidésemos mirar sen medo desde as nubes. Outros tan só poñían as gafas de sol.
Alta tensión
Acórdome de merendar as catro sentadas no cemento da base da torre de alta tensión, ao lado da chousa.
23/7/09
Medo
Acórdome dunha vez que prendín a tele e había unha mai lendo un conto á filla antes de durmir. A mai marchaba despois de darlle un bico e apagar a luz. A nena botaba un pé por fóra da cama e unha mao saía de debaixo da cama e collíallo. Nese momento tiven que apagar a tele. Aínda hoxe me dá algo de grima botar o pé por fóra das sabas a escuras.
Piollos
Acórdome de miña mai e miña avoa a buscarme miúdas no pelo. E dese champú que tan mal cheiraba.
Cuestión de situación
Acórdome de "O que está na beira come pan de sacabeira, o que está no medio come pan de caramelo".
San Xoán
Acórdome da apaixoada recollida de madeira que realizaba a pandilla para queimar na fogueira de San Xoán. Esa noite o noso lume desafiaba sempre o cableado telefónico.
21/7/09
Dog Man Star
Acórdome de atopar unha cinta que non puiden deixar de escoitar durante un mes a pesar da angustia que me producía. Tempo despois descubrín que se trataba do Dog Man Star de Suede.
Bolos de leite
Acórdome do arrecendo aos bolos de leite que facía Marta a panadeira. Non se podía pasar pola calle do medio sen mercar un.
19/7/09
Exenta de relixión
Acórdome de que nas clases de relixión eu, exenta, facía un collage sobre a Última Cea. Todos me envexaban.
Transportados
Acórdome daquel día que fomos a un concerto no Dado Dadá e viaxamos a Nova Orleáns ou a Chicago.
Aunque te quiebre la vida
Acórdome de cando o avó choraba ao escoitarme tocar no acordión "Yira, yira".
Piaguda
Acórdome de remexer cun raño na area da ría coa marea baixa para atopar piaguda. Pillabamos as máis gordiñas e non nos daba ningún noxo. Daquela.
Porrón
Acórdome de cando íamos cun porrón por auga á fonte para os maiores que andaban apañando nas patacas.
Brillantina
Acórdome das dúas motas de brillantina que se instalaron na parede do cuarto despois de bicarnos por primeira vez. Estiveron alí ata que a pintaron de novo.
Unllas vermellas
Acórdome de poñermos as pegatinas vermellas das laranxas como se fosen unllas de chica.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)