30/11/08

Roxós

Acórdome que da matanza o único que me gustaba era remexer os roxós mentres se facían lentamente enriba da cociña de leña.

Bocadillos

Acórdome dos gorentosos bocadillos de chocolate con queixo para merendar.

Tris-tras

Acórdome da miña irmá cortándolle a perrera a todas as súas bonecas.

Cheiro

Acórdome dun cativo ao que os demais alcumaron "Cheiro", aínda que a min nunca me cheirou mal.

Noxo

Acórdome de primeiro de EGB, cando unha nena manchou de merda os azulexos dos baños e a profesora ao enterarse lle espetou: "Pues ahora lo limpias con la lengua".

Artesán

Acórdome dun experto en esculpir no seu boli bic con letra diminuta as fórmulas químicas.

Un morto

Acórdome da primeira vez que vin a unha persoa morta, un rapaz ao que eu non coñecía, no seu cadaleito aberto para a despedida. O terror non foi a visión directa da morte, senón preguntarme toda a noite por qué lle puxeran algodóns nos buracos do nariz.

Saltóns

Acórdome de cando cazabamos saltóns e os metiamos en caixas de zapatos con furados para que poidesen respirar. De vez en cando metíamos unha folliña ou un pouco de herba para que comesen.