30/7/08
Marquetería
Acórdome cando descubrimos que Carliños fixera un furado de catro centímetros de diámetro no medio e medio do seu pupitre. Do berro espantado do profesor. Carliños fora avanzado calado coma un rato en cada clase de plástica, á vez que ampliaba a súa práctica en marquetería.
Circo
Acórdome de cando chegou á vila o circo de Teresa Rabal, e do seu pelo negro acibeche longuísimo.
Maiolas
Acórdome de cando probei as maiolas e meu pai me explicou que esas eran as súas lambetadas de cativo.
Polbos
Acórdome de percorrer a ría en lancha coas nasas cheas de cangarexos: a carnada para os polbos. Daquela aínda os había.
Electricidade
Acórdome da lección da electricidade estática e das probas cos bolígrafos bic e cachiños de papel.
Latar
Acórdome de cando facíamos as lebres e marchábamos ao parque, á praia ou ao camping abandonado en inverno.
Pósters
Acórdome que as miñas veciñas tiñan no seu cuarto un poster tamaño natural de Kirk Cameron e outro de Tom Cruise na película Coctail. Creo que os regalaban na Superpop.
22/7/08
Columpio
Acórdome de xogar a ver quen tiraba o zapato máis lonxe desde os columpios vermellos. Tamén daqueloutra randeeira improvisada: a corda de levar a vaca atada a unha árbore e unha chaqueta para sentar o cu.
Festa
Acórdome das lanchitas. Acórdome do pobre becerro de seis patas, había que pagar cincuenta pesetas para poder velo por un furado. Acórdome dos maiores tomando vermú con sifón e dun pasodobre que se chamaba "Manolo Fraga Iribarne".
7/7/08
Últimos días de vrao
Acórdome das mañás na praia cando xa era outubro. Os últimos sete baños do vrao, contra a catarreira invernal. E volver polo camiño alfombrado en frouma, que nos picaba os pés.
Minixeados
Acórdome dos xeados de zume de limón e de laranxa nos cadradiños da cubitera e un palillo.
3/7/08
Neve e desamor
Acórdome da primeira nevada. Do timbre que anunciaba o recreo máis marabilloso, eses vinte minutos que estiveramos gorentando toda a mañá, do outro lado do frío. De cómo corremos ao soar a serea para apañar con ansias o máxico algodón xeado que alfombraba e tapaba o patio grisallento de todos os días. Tamén de cando comezamos a guindarnos bolas de neve uns a outros e de cómo me subiu o sangue á cabeza cando descubrín que fora J. o que lanzara aquel enorme pedazo de xeo directo á miña orella dereita, ao tempo que medraba dentro de min a rabia e o desacougo do primeiro amor non correspondido.
2/7/08
Boneca
Acórdome cando me contaron que unha boneca sevillana asasinou cos seus andaluces brazos a unha nena mentras durmía placidamente. Tiven que quitar todos os bonecos do cuarto e aínda así non durmín en toda a noite.
Rá
Acórdome cando vimos horrorizadas como hinchaba e estoupaba unha rá cun pitillo aceso metido na boca.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)