30/6/08

Anguías

Acórdome cando aínda había anguías na ría. Cando había marea baixa metíamos as maos ata os cóbados nas pozas de auga enlamada para sentir o seu pasar cobregueante, fascinadas.

Galicia

Acórdome que Galicia acababa n´"as caixas", ao final do noso barrio. Lucía dicía "aquí acaba Galicia", porque despois, xa na escola, cambiábamos o galego polo castellano.

Requesón

Acórdome como ía callando o requesón nun saqueto enriba da cociña.

Tinta invisíbel

Acórdome cando intentei escribir unha carta secreta con zume de limón que logo me foi imposible ler.

24/6/08

San Xoán

Acórdome dos contos de medo na noite de San Xoán. De recoller con moita ansia cada cachiño de madeira que atopabamos. E de que unha vez as lapas case queiman os cables da luz.

Ortigas

Acórdome de refregar berzas contra as pernas cando me ortigaba.

Máis teléfonos

Acórdome dos teléfonos feitos con envases de iogures e cordel.

Preguntas

Acórdome de cando lle preguntei a meu pai que significa a palabra "ninfómana" e el me preguntou a min que libro estaba a ler.

23/6/08

Cables de cores

Acórdome das pulseiras e colares que facíamos cos cables de cores que quedaban nas obras.

20/6/08

Horacio Pinchadiscos

Acórdome de Horacio Pinchadiscos e dos seus vatios. El si que era un dillei con carisma, que digo dillei, pinchadiscos.

17/6/08

Gardamanteis acordeón

Acórdome que tiñamos un gardamanteis de metal que se podía extender e encoller como un acordeón.

16/6/08

Gomas

Acórdome das gomas do pelo de dúas boliñas coas que nos peinaba a avoa, coas que nos martirizaba a avoa.

13/6/08

Beiras e o zapato

Acórdome cando Beiras sacou o zapato no Parlamento.

12/6/08

O coche descapotable

Acórdome do Citröen Dian 6 que tiñan meus pais cando eramos cativas, un descapotable granate que facía as nosas delicias cando íamos á praia subidas nos asentos de atrás coa cabeza de fóra, o pelo ao vento.

11/6/08

Zancos

Acórdome dos zancos feitos con latas de melocotón en almíbar.

10/6/08

Chispita

Acórdome de Chispita cantando "La vuelta al mundo en góndola".

9/6/08

Camaróns

Acórdome cando baixaba a marea e buscabamos camaróns nas pociñas que quedaban entre as rochas. Acórdome que lles quitabamos a cabeza e os comíamos crus, sen piedade.

6/6/08

Bofetada

Acórdome da última bofetada de Doñavicenta. Sonora, dolorosa; a mao ensortixada. O reproche silencioso da aula foi tan grande que quedou balbuceando ante a vítima un ridículo perdón.

5/6/08

Televisión en cor

Acórdome cando a televisión tardaba uns segundos en acender, previa explosión de faíscas arco iris.

4/6/08

Recuerdo de la Toja

Acórdome das pulseiras e colares "Recuerdo de la Toja" con caracoliñas brancas, rosadas ou vermellas.

(para B.)

3/6/08

Lambretta

Acórdome da lambretta do avó, que pasou os seus últimos anos de vida tapada cunha manta no garaxe.

2/6/08

Os Diminutos

Acórdome das calcomanías dos Diminutos que viñan cos chicles. Acórdome de mirar dentro dos enchufes para ver se andaban por alí os Diminutos.