17/11/10
Discoplay
Acórdome de recibir a Discoplay e das nosas compras de cintas e cd´s. Tamén de recortar as portadiñas que traia a revista para pegar nas carátulas das cintas gravadas.
29/9/10
Pelo curto
Acórdome de cando me cortaron o pelo curtiño de todo, como un neno. Cheguei a casa e metinme na bañeira. Nunca esquecerei a temperatura da auga, que me fervía na pel, e o peso exacto da melancolía.
Imperdibles
Acórdome dos días nos que fixemos unha pulseira para regalarlle a mamá. Traballabamos escondidas por detrais da casa. Era de imperdibles e contas pequeniñas.
Pistacho de prata
Acórdome de cando a meu pai lle tocou o auténtico pistacho de prata nunha daquelas máquinas que por 25 pesetas descargaban un puñado.
27/8/10
Amor de película
Acórdome da historia de amor máis curta: unha película no cine, darnos a mao durante unha hora, con esmero e intensidade darnos a mao. E Fin.
Soño que son un tigre
Acórdome dun pesadelo antigo. Eu era un tigre e corría pola selva porque uns homes intentaban cazarme cunha rede. E chegaba o momento de atraparme, e pelexaba por zafarme da rede esa ata que me dicía a min mesma: "tu non es un tigre, es unha nena que está soñando". Daquela loitei por erguer as pálpebras, cómo me custou abrir os ollos.
Comer bichos
Acórdome daquel do instituto que comía todo tipo de insectos e bichos pequenos. Dicían, ademais, que lle sabían.
Qué vergonza
Acórdome do día que máis vergonza pasei. Estábamos no parque de atraccións de Madrid e levaba unha saia curta, azul e branca, de pregos. E fun ao baño, e ao saír, a saia enganchou na braga e así estiven... non sei canto tempo, ata que unha muller me avisou. Quixen morrer.
Escarapotes
Acórdome de calzar as chaparritas transparentes para que non me picaran os escarapotes, ata que nos fixemos maiores e só había a opción cor carne. Aí deixamos de calzalas, porque eran realmente horribles. Acórdome de estar disposta a mexar se picaban a unha amiga e non tiñamos a mao amoníaco. Nunca se deu o caso, menos mal.
Debuxar árbores de Nadal
Acórdome do que me gustaba debuxar árbores de Nadal, en cada punta do piñeiro unha bola, enriba a estrela, e logo, sempre, a deliciosa purpurina.
Fui un fracasao
Acórdome de escoitar aquel disco de Gardel de meu pai que me flipaba tanto, e do calafrío de escoitar "me verás siempre golpeándote, como a un malvao".
2/8/10
Vestiario ambulante
Acórdome dunha especie de túnica azul escura con abertura só no pescozo que tiñan algunhas mulleres para cambiarse na praia.
Cintas no coche do avó
Acórdome de que no coche do avó sempre estaban as cintas de A Quenlla e de Isabel Pantoja, "Marinero de luces", que eu escoitaba a escondidas.
3/7/10
Cadros de area
Acórdome dos decorativos "cadros" que se facían con area de cores entre cristal e cristal.
29/6/10
Dedicatorias nas carpetas
Acórdome de "Dos claveles en el agua no se pueden marchitar/ dos amigas que se quieren no se pueden olvidar".
Caixa dos botóns
Acórdome da caixa dos botóns no armario do cuarto de coser na casa dos avós. Acórdome de "colle a caixa dos botóns no de coser". Acórdome dos transparentes de cores con forma de lacitos e mazás das chaquetiñas de cando éramos pícaras, dos de madeira alongados das chaquetas gordas dos anos 70, dos dourados das batas das avoas e bisavoas e veciñas. Dos botóns metálicos dos vaqueiros, que nunca se aproveitan pero igualmente gárdanse alí. Tardes de domingo cos dedos fuchicando nos botóns sedantes, organizándoos por tamaños e cores. Buscando cinco iguais para unha camisa. Buscando os máis bonitos para facer un colar que pouco puxen. De cando os dividimos para sempre en dúas caixas, porque xa non cabían todos nunha. Destas últimas non só me acordo: aínda existen.
27/6/10
O coche contra o muro
Acórdome da noite na que vimos como un coche chocaba contra o muro da Casa Encantada. Un home aturdido e colocado, sangrando pola boca, saiu do coche. Chamamos a unha ambulancia e mentres agardábamos entrei naquel coche fumegante, non sei moi ben porqué, e collín un libro que caera do asento do copiloto. Altazor o el viaje en paracaídas, de V. Huidobro.
22/6/10
Multicopista
Acórdome da multicopista que había nun cuartucho do cole para facer o "periódico" escolar.
50 ptas
Acórdome da primeira vez que tiven unha moeda de 50 pesetas toda para min. Cheguei ao quiosco onde mercábamos as lamberetadas e dixen: "Ponme todo o que poidas con esto". E aínda me acordo de que no saqueto que me puxo a tendeira había unhas cereixas e unha bolsa de patacas fritas. Gardeino na mesiña de noite e funo administrando pouco a pouco, polas noites, despois de cear, en secretísimo.
O campo da pena
Acórdome de que me contaban que debaixo dunha pena moi grande estaba o fol de ouro dun boi. O boi era dos mouros, claro. Moito miraba eu por debaixo da pena, pero nin atisbos do dourado tesouro.
Quitabocados
Acórdome do quitabocados que tiña Ginés, o meu profesor de acordeón, para axustarme as tiras do instrumento.
Santa Alicia e San Xoán
Acórdome de que había un encanto, unha muller fermosísima, que unha noite mentres peiteaba o seu longo cabelo rubio perdeu o cepillo de ouro, caeulle ao río. Se na noite de San Xoán o rescatabas da corrente fluvial, o encanto podía volver ao noso mundo. Isto me contaba Alicia, a miña bisavoa, que o 23 de xuño celebraba o seu santo.
14/6/10
Baralla
Acórdome de xogar ao reputing, á brisca, ao burro e maila albarda, á escoba, ao cinquillo -con pesetas e pesos-, ao chinchón, ao asasino, ao solitario e máis tarde ao tute cabrón. Cada xogo, nun momento e cunha xente distinta.
Posto de venda
Acórdome de poñer un posto deses de caixa de cartón para vender as nosas cousiñas, libros, cousas para o pelo, chorradas. Só duramos unha hora ou dúas, polo noso barrio non pasaba nindiós. Queríamos ser como os pícaros da praza maior, pero non dábamos para tanto.
Chicles de barrilete
Acórdome dos chicles de barrilete. De cores e sabores múltiples, ao principio a boca enchíase de alegría barrileta, pero acababan sendo un ful, desaboridos.
1/6/10
Asar chourizos
Acórdome de asar chourizos envoltos en papel de aluminio no lume da cociña de leña. Abrir a portiña de ferro con tento, deixalos alí uns minutos e despois comelos era todo un ritual.
Sarabia cubiños de xeo
Acórdome de estármonos bañando no río en Chantada unha tarde de bochorno e de súpeto empezar a caer pedras de xeo do ceo que ata aboiaban os coches.
En bici
Acórdome cando ía en bicicleta a clases de acordeón. Acórdome de cando ía en bici a moitos sitios.
Careixós por gominolas
Acórdome de cando apañamos careixós para Cristina a Castellana, porque nos cambiaba cada un por unha gominola das pequenas. Vaia ful.
4/5/10
Can
Acórdome do can branco que nos ladraba detrás dunha porta de madeira cando volvíamos do cole. Ás veces collíanos desprevenidas e saltaba o corazón.
23/4/10
Globos de auga
Acórdome de xogar con globos pequeniños cheos de auga, fabricados especificamente para iso.
Globo
Acórdome de que estar inflando un globo e descubrir un truco para non asfixiarme: respirar un pouquiño do mesmo aire que deixaba dentro do globo. Cando llelo comuniquei aos maiores, mentres o facía, berráronme: "pero que fas, nena, vas acabar desmaiándote!".
M ou F
Acórdome de cando discutíamos ata o enfado, chicos contra chicas, se era millor ter perrecha ou ter pito.
Mikolápiz
Acórdome do Mikolápiz e de cando traía de premio outro Mikolápiz. Qué felicidade ilo canxear á taberna.
Cousas que facían bum
Acórdome de quitarlle a cabeza a un misto de cera, abrir e estirar o bandullo doutro misto con coidado, envolver ben a cabeza de fósforo solta, prenderlle lume ao misto preñado e... bum!
Ceas de vrao
Acórdome de cear tortilla de patacas cun pouquiño de tomate frito por riba e ensalada. Noites de vrao.
16/2/10
Brancaneves
Acórdome de cando fun disfrazada de Brancaneves e o resto da miña comparsa, as miñas amigas, que ían de ananiños, bruxa, príncipe e cazador, envexáronme insanamente. Aínda me acordo do tacto do disfraz.
Enterro da Sardiña
Acórdome do Enterro da Sardiña na praza Maior, os maiores vestíanse de moros con sabas cubrindo o corpo e a cabeza, con moitos colares e barbas postizas e tiznados de cinza na cara. Eu sospeitaba que bebían bastante viño, en tazas.
9/2/10
Plástica
Acórdome de que coas ceras facíamos franxas gordas de cores sobre un folio, logo por riba cubríamos todo con cera negra e por fin, cun palillo, rascábamos finamente o negro para que saísen as cores de debaixo...
4/2/10
Máscaras
Acórdome das máscaras de Entroido, que as víamos chegar pola ventá da cociña da avoa e despois petaban á porta pedindo unhas moedas ou freixós.
Noxo
Acórdome daquela mestra que lambía os dedos despois de escribir con tiza na pizarra. E da nena que comía as virutas das ceras en canto saían do afía-lápices.
Zapatos de voda
Acórdome de calzar os zapatos cos que casou miña mai, brancos e cun pequeno detalle de cores que se me asemellaba a un arco da vella.
Portaminas
Acórdome de que a miña profe de piano me daba co seu portaminas de metal nas maos cando tocaba mal.
Necesita Mejorar, Progresa Adecuadamente
Acórdome de cando nos daban as notas, dos NM, dos PA, dos - e os +, que contabamos minuciosamente.
5/1/10
Noite de Reis
Acórdome de que o día de Reis espertaba moi cedo e miraba desde a cama a regandixa da porta por onde entraba a luz da mañá en liña. Se tiña algún "obstáculo" era que os regalos xa estaban alí postos, enriba nas zapatillas. Ás veces os Reis chegaban máis tarde que o meu espertar e a impaciencia podíame pero obrigábame a min mesma a agardar na cama. E así foi aínda algúns anos despois de saber que non era que chegasen tarde os Reis, senón que quedaban durmidos.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)