30/5/08

Tabaco de vainilla

Acórdome que me encantaba o arrecendo a vainilla do tabaco de pipa que fumaba o director do conservatorio. Anagaba todos os recunchos do vello edificio. Acórdome que cando falabamos en clase, don Alfonso sacaba a pipa da boca e dicíanos, moi serio:

-Mecachis en la mar salada.

29/5/08

Cereixas

Acórdome de cando nos entretíamos comendo cereixas. Poñíamos no centro da mesa unha cereixa "rei" e unha cereixa "raíña" e tirábamos unha agulla desde arriba. Se picaba no rei, comíamos tres, se picaba na raíña, dúas. Escollíamos as máis gordas e vermellas.

Cucharitas

Acórdome do pozo onde bebía a vaca antes de que a meteran na corte. Alí vivían as cucharitas, que escorregaban medosas por entre as nosas maos sumerxidas na auga. Os bebés das ras eran bonitos ata que lles nacían as patas, daquela había que esperar ata que sucedía a metamorfose total para que recuperasen a súa beleza.
Cando a vaca metía a lingua no pozo, sucedía un maremoto.

27/5/08

Xiringas

Acórdome dos primeiros bicos baixo os soportais. Entre as sombras proxectadas no chao adiviñábanse xiringas usadas.

Jota Jaiber

Acórdome dos tenis Jota Jaiber.

26/5/08

Chocolate Carmiña

Acórdome das onzas gordas de chocolate Carmiña que a avoa partía axudándose da esquina do mesado. Duraban horas dentro da boca.

23/5/08

Leite e fluor

Acórdome das bolsiñas de leite e dos vasiños de fluor que nos mandaban tomar na escola.

22/5/08

Nadal-verán

Acórdome que cando era verán queríamos que fose inverno, mais cando chegaba o frío ansiábamos marchar á praia, andar medio espidas, calzar as chanclas. Un día de moito calor pechamos as contras da casa e sacamos dunha caixa de cartón os galanos brillantes do Nadal. Logo sentamos no sofá facéndonos a ilusión dun oco, un refuxio, unha ardentía interior que nos transportara lonxe da suor física que padecíamos.

21/5/08

A Gorda das Galaxias

Acórdome da Gorda das Galaxias e do universo amniótico onde flotaba esta encantadora superheroína, feliz.

20/5/08

Teléfono escacharrado

Acórdome do xogo do teléfono escacharrado. Sentados na pista, concentrados por ver quen facía rir máis coa cremalleira tola dunha resposta a outra pregunta, caía a noite sen que nos enteráramos.