30/11/08

Roxós

Acórdome que da matanza o único que me gustaba era remexer os roxós mentres se facían lentamente enriba da cociña de leña.

Bocadillos

Acórdome dos gorentosos bocadillos de chocolate con queixo para merendar.

Tris-tras

Acórdome da miña irmá cortándolle a perrera a todas as súas bonecas.

Cheiro

Acórdome dun cativo ao que os demais alcumaron "Cheiro", aínda que a min nunca me cheirou mal.

Noxo

Acórdome de primeiro de EGB, cando unha nena manchou de merda os azulexos dos baños e a profesora ao enterarse lle espetou: "Pues ahora lo limpias con la lengua".

Artesán

Acórdome dun experto en esculpir no seu boli bic con letra diminuta as fórmulas químicas.

Un morto

Acórdome da primeira vez que vin a unha persoa morta, un rapaz ao que eu non coñecía, no seu cadaleito aberto para a despedida. O terror non foi a visión directa da morte, senón preguntarme toda a noite por qué lle puxeran algodóns nos buracos do nariz.

Saltóns

Acórdome de cando cazabamos saltóns e os metiamos en caixas de zapatos con furados para que poidesen respirar. De vez en cando metíamos unha folliña ou un pouco de herba para que comesen.

7/10/08

Bombas?

Acórdome de cando na escola había "ameazas de bomba" dalgún alumno e saíamos fóra ata que pasaba a alarma.

Muíños

Acórdome de cando facíamos muíños de vento con papel e unha chincheta.

Máis lambetadas

Acórdome dos caramelos de cuba-libre e dos escalofríos. Acórdome de cando a avoa nos traía "o saqueto", onde ás veces se incluían.

1/9/08

Palistroque

Acórdome cando o panadeiro nos regalaba un palistroque. Devecíamos por el.

Feve (II)

Acórdome cando colocábamos cravos, puntas e parafusos nas vías do tren. Coidadosamente, con cinta adhesiva. Pasaba o tren nun suspiro e quedaban planiñas, e parecíannos preciosas chaves para diarios e cofres inexistentes.

Feve (I)

Acórdome cando fun en tren por primeira vez. De Viveiro a Burela e de Burela a Viveiro. Que lento ía e que rápido se me fixo. Azul e verde.

Reirrei

Acórdome de cando atopabamos un reirrei e o pousabamos na mao para dicir: "rei rei cantos anos vivirei, vintecinco, non o sei, un, dous, tres, catro...", ata que marchaba de novo.

28/8/08

Cartas e sobres

Acórdome cando as nenas coleccionaban papel de cartas e sobres a xogo olorosos.

Regaliz

Acórdome de chupar paus de regaliz.

20/8/08

Esfollada

Acórdome cando viciños e familiares viñan á esfollada. Montañas de espigas enchían o garaxe e sen présa pero sen pausa íanse esfollando as cascas do millo durante toda a tarde. O mellor viña á noite, cando os brandos restos da esfollada chegaban case ao teito e as nenas podíamos chimpar riba deles, nunha sabedora cama de algodón vexetal.

Peinado

Acórdome de cando se levaba a "trenza exipcia".

Día do Carme en Burela

Acórdome do Día do Carme. Das curmás todas vestidas con roupa de domingo, subidas ao barco engalanado con centos de bandeiras, do arrecendo a vermú de martini e a empanada. Dos lazos e o pelo ao vento. Por máis que me mareaba, nunca deixaba de subir.

30/7/08

Marquetería

Acórdome cando descubrimos que Carliños fixera un furado de catro centímetros de diámetro no medio e medio do seu pupitre. Do berro espantado do profesor. Carliños fora avanzado calado coma un rato en cada clase de plástica, á vez que ampliaba a súa práctica en marquetería.

Circo

Acórdome de cando chegou á vila o circo de Teresa Rabal, e do seu pelo negro acibeche longuísimo.

Maiolas

Acórdome de cando probei as maiolas e meu pai me explicou que esas eran as súas lambetadas de cativo.

Nadal

Acórdome de cando a bisavoa encetou o turrón duro e dixo "neste turrón vén un dente".

Polbos

Acórdome de percorrer a ría en lancha coas nasas cheas de cangarexos: a carnada para os polbos. Daquela aínda os había.

Liso

Acórdome de que había quen alisaba o pelo coa plancha.

Películas

Acórdome de cando fun ao cine a ver "Momo" e uns anos despois "Gorilas en la niebla".

Electricidade

Acórdome da lección da electricidade estática e das probas cos bolígrafos bic e cachiños de papel.

Latar

Acórdome de cando facíamos as lebres e marchábamos ao parque, á praia ou ao camping abandonado en inverno.

Pósters

Acórdome que as miñas veciñas tiñan no seu cuarto un poster tamaño natural de Kirk Cameron e outro de Tom Cruise na película Coctail. Creo que os regalaban na Superpop.

22/7/08

Visos

Acórdome de cando vestíamos un viso por debaixo do vestido.

Rojo

Acórdome de "El libro rojo del cole".

Columpio

Acórdome de xogar a ver quen tiraba o zapato máis lonxe desde os columpios vermellos. Tamén daqueloutra randeeira improvisada: a corda de levar a vaca atada a unha árbore e unha chaqueta para sentar o cu.

Festa

Acórdome das lanchitas. Acórdome do pobre becerro de seis patas, había que pagar cincuenta pesetas para poder velo por un furado. Acórdome dos maiores tomando vermú con sifón e dun pasodobre que se chamaba "Manolo Fraga Iribarne".

7/7/08

Últimos días de vrao

Acórdome das mañás na praia cando xa era outubro. Os últimos sete baños do vrao, contra a catarreira invernal. E volver polo camiño alfombrado en frouma, que nos picaba os pés.

Minixeados

Acórdome dos xeados de zume de limón e de laranxa nos cadradiños da cubitera e un palillo.

3/7/08

Neve e desamor

Acórdome da primeira nevada. Do timbre que anunciaba o recreo máis marabilloso, eses vinte minutos que estiveramos gorentando toda a mañá, do outro lado do frío. De cómo corremos ao soar a serea para apañar con ansias o máxico algodón xeado que alfombraba e tapaba o patio grisallento de todos os días. Tamén de cando comezamos a guindarnos bolas de neve uns a outros e de cómo me subiu o sangue á cabeza cando descubrín que fora J. o que lanzara aquel enorme pedazo de xeo directo á miña orella dereita, ao tempo que medraba dentro de min a rabia e o desacougo do primeiro amor non correspondido.

2/7/08

Boneca

Acórdome cando me contaron que unha boneca sevillana asasinou cos seus andaluces brazos a unha nena mentras durmía placidamente. Tiven que quitar todos os bonecos do cuarto e aínda así non durmín en toda a noite.

Acórdome cando vimos horrorizadas como hinchaba e estoupaba unha rá cun pitillo aceso metido na boca.

Tizas

Acórdome daquela mestra que lambía as maos despois de escribir coa tiza na pizarra.

Zapatos

Acórdome de que desexaba con todas as forzas ter uns zapatiños de charón.

30/6/08

Anguías

Acórdome cando aínda había anguías na ría. Cando había marea baixa metíamos as maos ata os cóbados nas pozas de auga enlamada para sentir o seu pasar cobregueante, fascinadas.

Galicia

Acórdome que Galicia acababa n´"as caixas", ao final do noso barrio. Lucía dicía "aquí acaba Galicia", porque despois, xa na escola, cambiábamos o galego polo castellano.

Requesón

Acórdome como ía callando o requesón nun saqueto enriba da cociña.

Tinta invisíbel

Acórdome cando intentei escribir unha carta secreta con zume de limón que logo me foi imposible ler.

24/6/08

San Xoán

Acórdome dos contos de medo na noite de San Xoán. De recoller con moita ansia cada cachiño de madeira que atopabamos. E de que unha vez as lapas case queiman os cables da luz.

Ortigas

Acórdome de refregar berzas contra as pernas cando me ortigaba.

Máis teléfonos

Acórdome dos teléfonos feitos con envases de iogures e cordel.

Preguntas

Acórdome de cando lle preguntei a meu pai que significa a palabra "ninfómana" e el me preguntou a min que libro estaba a ler.

23/6/08

Cables de cores

Acórdome das pulseiras e colares que facíamos cos cables de cores que quedaban nas obras.

20/6/08

Horacio Pinchadiscos

Acórdome de Horacio Pinchadiscos e dos seus vatios. El si que era un dillei con carisma, que digo dillei, pinchadiscos.

17/6/08

Gardamanteis acordeón

Acórdome que tiñamos un gardamanteis de metal que se podía extender e encoller como un acordeón.

16/6/08

Gomas

Acórdome das gomas do pelo de dúas boliñas coas que nos peinaba a avoa, coas que nos martirizaba a avoa.

13/6/08

Beiras e o zapato

Acórdome cando Beiras sacou o zapato no Parlamento.

12/6/08

O coche descapotable

Acórdome do Citröen Dian 6 que tiñan meus pais cando eramos cativas, un descapotable granate que facía as nosas delicias cando íamos á praia subidas nos asentos de atrás coa cabeza de fóra, o pelo ao vento.

11/6/08

Zancos

Acórdome dos zancos feitos con latas de melocotón en almíbar.

10/6/08

Chispita

Acórdome de Chispita cantando "La vuelta al mundo en góndola".

9/6/08

Camaróns

Acórdome cando baixaba a marea e buscabamos camaróns nas pociñas que quedaban entre as rochas. Acórdome que lles quitabamos a cabeza e os comíamos crus, sen piedade.

6/6/08

Bofetada

Acórdome da última bofetada de Doñavicenta. Sonora, dolorosa; a mao ensortixada. O reproche silencioso da aula foi tan grande que quedou balbuceando ante a vítima un ridículo perdón.

5/6/08

Televisión en cor

Acórdome cando a televisión tardaba uns segundos en acender, previa explosión de faíscas arco iris.

4/6/08

Recuerdo de la Toja

Acórdome das pulseiras e colares "Recuerdo de la Toja" con caracoliñas brancas, rosadas ou vermellas.

(para B.)

3/6/08

Lambretta

Acórdome da lambretta do avó, que pasou os seus últimos anos de vida tapada cunha manta no garaxe.

2/6/08

Os Diminutos

Acórdome das calcomanías dos Diminutos que viñan cos chicles. Acórdome de mirar dentro dos enchufes para ver se andaban por alí os Diminutos.

30/5/08

Tabaco de vainilla

Acórdome que me encantaba o arrecendo a vainilla do tabaco de pipa que fumaba o director do conservatorio. Anagaba todos os recunchos do vello edificio. Acórdome que cando falabamos en clase, don Alfonso sacaba a pipa da boca e dicíanos, moi serio:

-Mecachis en la mar salada.

29/5/08

Cereixas

Acórdome de cando nos entretíamos comendo cereixas. Poñíamos no centro da mesa unha cereixa "rei" e unha cereixa "raíña" e tirábamos unha agulla desde arriba. Se picaba no rei, comíamos tres, se picaba na raíña, dúas. Escollíamos as máis gordas e vermellas.

Cucharitas

Acórdome do pozo onde bebía a vaca antes de que a meteran na corte. Alí vivían as cucharitas, que escorregaban medosas por entre as nosas maos sumerxidas na auga. Os bebés das ras eran bonitos ata que lles nacían as patas, daquela había que esperar ata que sucedía a metamorfose total para que recuperasen a súa beleza.
Cando a vaca metía a lingua no pozo, sucedía un maremoto.

27/5/08

Xiringas

Acórdome dos primeiros bicos baixo os soportais. Entre as sombras proxectadas no chao adiviñábanse xiringas usadas.

Jota Jaiber

Acórdome dos tenis Jota Jaiber.

26/5/08

Chocolate Carmiña

Acórdome das onzas gordas de chocolate Carmiña que a avoa partía axudándose da esquina do mesado. Duraban horas dentro da boca.

23/5/08

Leite e fluor

Acórdome das bolsiñas de leite e dos vasiños de fluor que nos mandaban tomar na escola.

22/5/08

Nadal-verán

Acórdome que cando era verán queríamos que fose inverno, mais cando chegaba o frío ansiábamos marchar á praia, andar medio espidas, calzar as chanclas. Un día de moito calor pechamos as contras da casa e sacamos dunha caixa de cartón os galanos brillantes do Nadal. Logo sentamos no sofá facéndonos a ilusión dun oco, un refuxio, unha ardentía interior que nos transportara lonxe da suor física que padecíamos.

21/5/08

A Gorda das Galaxias

Acórdome da Gorda das Galaxias e do universo amniótico onde flotaba esta encantadora superheroína, feliz.

20/5/08

Teléfono escacharrado

Acórdome do xogo do teléfono escacharrado. Sentados na pista, concentrados por ver quen facía rir máis coa cremalleira tola dunha resposta a outra pregunta, caía a noite sen que nos enteráramos.