29/6/10

Dedicatorias nas carpetas

Acórdome de "Dos claveles en el agua no se pueden marchitar/ dos amigas que se quieren no se pueden olvidar".

Caixa dos botóns

Acórdome da caixa dos botóns no armario do cuarto de coser na casa dos avós. Acórdome de "colle a caixa dos botóns no de coser". Acórdome dos transparentes de cores con forma de lacitos e mazás das chaquetiñas de cando éramos pícaras, dos de madeira alongados das chaquetas gordas dos anos 70, dos dourados das batas das avoas e bisavoas e veciñas. Dos botóns metálicos dos vaqueiros, que nunca se aproveitan pero igualmente gárdanse alí. Tardes de domingo cos dedos fuchicando nos botóns sedantes, organizándoos por tamaños e cores. Buscando cinco iguais para unha camisa. Buscando os máis bonitos para facer un colar que pouco puxen. De cando os dividimos para sempre en dúas caixas, porque xa non cabían todos nunha. Destas últimas non só me acordo: aínda existen.

27/6/10

O coche contra o muro

Acórdome da noite na que vimos como un coche chocaba contra o muro da Casa Encantada. Un home aturdido e colocado, sangrando pola boca, saiu do coche. Chamamos a unha ambulancia e mentres agardábamos entrei naquel coche fumegante, non sei moi ben porqué, e collín un libro que caera do asento do copiloto. Altazor o el viaje en paracaídas, de V. Huidobro.

22/6/10

Multicopista

Acórdome da multicopista que había nun cuartucho do cole para facer o "periódico" escolar.

Snoopy

Acórdome do precioso álbume de cromos de Snoopy.

50 ptas

Acórdome da primeira vez que tiven unha moeda de 50 pesetas toda para min. Cheguei ao quiosco onde mercábamos as lamberetadas e dixen: "Ponme todo o que poidas con esto". E aínda me acordo de que no saqueto que me puxo a tendeira había unhas cereixas e unha bolsa de patacas fritas. Gardeino na mesiña de noite e funo administrando pouco a pouco, polas noites, despois de cear, en secretísimo.

O campo da pena

Acórdome de que me contaban que debaixo dunha pena moi grande estaba o fol de ouro dun boi. O boi era dos mouros, claro. Moito miraba eu por debaixo da pena, pero nin atisbos do dourado tesouro.

Quitabocados

Acórdome do quitabocados que tiña Ginés, o meu profesor de acordeón, para axustarme as tiras do instrumento.

Santa Alicia e San Xoán

Acórdome de que había un encanto, unha muller fermosísima, que unha noite mentres peiteaba o seu longo cabelo rubio perdeu o cepillo de ouro, caeulle ao río. Se na noite de San Xoán o rescatabas da corrente fluvial, o encanto podía volver ao noso mundo. Isto me contaba Alicia, a miña bisavoa, que o 23 de xuño celebraba o seu santo.

14/6/10

Baralla

Acórdome de xogar ao reputing, á brisca, ao burro e maila albarda, á escoba, ao cinquillo -con pesetas e pesos-, ao chinchón, ao asasino, ao solitario e máis tarde ao tute cabrón. Cada xogo, nun momento e cunha xente distinta.

Boti-bota

Acórdome da Boti-bota que tiña unha veciña, a min dábaseme guai.

Posto de venda

Acórdome de poñer un posto deses de caixa de cartón para vender as nosas cousiñas, libros, cousas para o pelo, chorradas. Só duramos unha hora ou dúas, polo noso barrio non pasaba nindiós. Queríamos ser como os pícaros da praza maior, pero non dábamos para tanto.

Chicles de barrilete

Acórdome dos chicles de barrilete. De cores e sabores múltiples, ao principio a boca enchíase de alegría barrileta, pero acababan sendo un ful, desaboridos.

1/6/10

Asar chourizos

Acórdome de asar chourizos envoltos en papel de aluminio no lume da cociña de leña. Abrir a portiña de ferro con tento, deixalos alí uns minutos e despois comelos era todo un ritual.

Sarabia cubiños de xeo

Acórdome de estármonos bañando no río en Chantada unha tarde de bochorno e de súpeto empezar a caer pedras de xeo do ceo que ata aboiaban os coches.

En bici

Acórdome cando ía en bicicleta a clases de acordeón. Acórdome de cando ía en bici a moitos sitios.

Careixós por gominolas

Acórdome de cando apañamos careixós para Cristina a Castellana, porque nos cambiaba cada un por unha gominola das pequenas. Vaia ful.