19/10/09

Chulita

Acórdome de que o insulto maior que nos podían dicir ás rapazas era o de "chulita".

Camaleón

Acórdome de cando atopamos un camaleón nunha árbore e miña irmá non quería desfacerse del.

Camping

Acórdome dos partidos de petanca e dos playbacks da Década Prodigiosa, naquel camping de perto de Madrid que uns vraos despois se inundara.

Anoitecer

Acórdome de canto me gustaba que no inverno anoitecera pronto.

Tabaco e máis

Acórdome do bus de volta Viveiro-Santiago, onde todo o mundo ía fumando.

Sofía

Acórdome de pegar cousas e escribir nun libro de Los jóvenes castores coma se eu fose Sofía, a sobriña do Inspector Gadget.

Oitavo

Acórdome de que na excursión de oitavo de EXB non o pasei moi ben.

Vergonza

Acórdome de levar posto o pantalón do chándal e a malla de ximnasia rítmica cando un idiota me mirou os peitos e falou deles diante dos seus amigos. Pasei moita vergonza.

Recreo

Acórdome de facer colares cos cornos e as cunchas que atopaba na area do patio do recreo.

Mercromina

Acórdome de botar mercromina nos xeonllos á mínima que tivese unha ferida. Por ver ese vermello intenso.

Ortigas

Acórdome de refregar berzas contra a pel cando me ortigaba.

Ras e cabaliños

Acórdome das ras de San Antonio e dos cabaliños do demo no río. Agora apenas hai.