27/8/10

Vinagre na pel

Acórdome do recendo do vinagre na pel despois de queimarnos ao sol.

Máis de comer

Acórdome de comer macarróns crus e tomates enteiros coma se fosen mazás.

Amor de película

Acórdome da historia de amor máis curta: unha película no cine, darnos a mao durante unha hora, con esmero e intensidade darnos a mao. E Fin.

Soño que son un tigre

Acórdome dun pesadelo antigo. Eu era un tigre e corría pola selva porque uns homes intentaban cazarme cunha rede. E chegaba o momento de atraparme, e pelexaba por zafarme da rede esa ata que me dicía a min mesma: "tu non es un tigre, es unha nena que está soñando". Daquela loitei por erguer as pálpebras, cómo me custou abrir os ollos.

Comer bichos

Acórdome daquel do instituto que comía todo tipo de insectos e bichos pequenos. Dicían, ademais, que lle sabían.

Qué vergonza

Acórdome do día que máis vergonza pasei. Estábamos no parque de atraccións de Madrid e levaba unha saia curta, azul e branca, de pregos. E fun ao baño, e ao saír, a saia enganchou na braga e así estiven... non sei canto tempo, ata que unha muller me avisou. Quixen morrer.

Escarapotes

Acórdome de calzar as chaparritas transparentes para que non me picaran os escarapotes, ata que nos fixemos maiores e só había a opción cor carne. Aí deixamos de calzalas, porque eran realmente horribles. Acórdome de estar disposta a mexar se picaban a unha amiga e non tiñamos a mao amoníaco. Nunca se deu o caso, menos mal.

Debuxar árbores de Nadal

Acórdome do que me gustaba debuxar árbores de Nadal, en cada punta do piñeiro unha bola, enriba a estrela, e logo, sempre, a deliciosa purpurina.

Nervios, chicle.

Acórdome de tragar o chicle cando estaba nerviosa

Fui un fracasao

Acórdome de escoitar aquel disco de Gardel de meu pai que me flipaba tanto, e do calafrío de escoitar "me verás siempre golpeándote, como a un malvao".

2/8/10

Vestiario ambulante

Acórdome dunha especie de túnica azul escura con abertura só no pescozo que tiñan algunhas mulleres para cambiarse na praia.

Aladdin

Acórdome das mulleres da familia limpando as cousas de prata con Aladdin, os domingos.

Cintas no coche do avó

Acórdome de que no coche do avó sempre estaban as cintas de A Quenlla e de Isabel Pantoja, "Marinero de luces", que eu escoitaba a escondidas.

Iogurtera

Acórdome de cando miña mai nos facía iogures na iogurtera.

Pelexas

Acórdome de que miña irmá tiña a manía de roerme.

3/7/10

Cadros de area

Acórdome dos decorativos "cadros" que se facían con area de cores entre cristal e cristal.

29/6/10

Dedicatorias nas carpetas

Acórdome de "Dos claveles en el agua no se pueden marchitar/ dos amigas que se quieren no se pueden olvidar".

Caixa dos botóns

Acórdome da caixa dos botóns no armario do cuarto de coser na casa dos avós. Acórdome de "colle a caixa dos botóns no de coser". Acórdome dos transparentes de cores con forma de lacitos e mazás das chaquetiñas de cando éramos pícaras, dos de madeira alongados das chaquetas gordas dos anos 70, dos dourados das batas das avoas e bisavoas e veciñas. Dos botóns metálicos dos vaqueiros, que nunca se aproveitan pero igualmente gárdanse alí. Tardes de domingo cos dedos fuchicando nos botóns sedantes, organizándoos por tamaños e cores. Buscando cinco iguais para unha camisa. Buscando os máis bonitos para facer un colar que pouco puxen. De cando os dividimos para sempre en dúas caixas, porque xa non cabían todos nunha. Destas últimas non só me acordo: aínda existen.

27/6/10

O coche contra o muro

Acórdome da noite na que vimos como un coche chocaba contra o muro da Casa Encantada. Un home aturdido e colocado, sangrando pola boca, saiu do coche. Chamamos a unha ambulancia e mentres agardábamos entrei naquel coche fumegante, non sei moi ben porqué, e collín un libro que caera do asento do copiloto. Altazor o el viaje en paracaídas, de V. Huidobro.

22/6/10

Multicopista

Acórdome da multicopista que había nun cuartucho do cole para facer o "periódico" escolar.

Snoopy

Acórdome do precioso álbume de cromos de Snoopy.

50 ptas

Acórdome da primeira vez que tiven unha moeda de 50 pesetas toda para min. Cheguei ao quiosco onde mercábamos as lamberetadas e dixen: "Ponme todo o que poidas con esto". E aínda me acordo de que no saqueto que me puxo a tendeira había unhas cereixas e unha bolsa de patacas fritas. Gardeino na mesiña de noite e funo administrando pouco a pouco, polas noites, despois de cear, en secretísimo.

O campo da pena

Acórdome de que me contaban que debaixo dunha pena moi grande estaba o fol de ouro dun boi. O boi era dos mouros, claro. Moito miraba eu por debaixo da pena, pero nin atisbos do dourado tesouro.

Quitabocados

Acórdome do quitabocados que tiña Ginés, o meu profesor de acordeón, para axustarme as tiras do instrumento.

Santa Alicia e San Xoán

Acórdome de que había un encanto, unha muller fermosísima, que unha noite mentres peiteaba o seu longo cabelo rubio perdeu o cepillo de ouro, caeulle ao río. Se na noite de San Xoán o rescatabas da corrente fluvial, o encanto podía volver ao noso mundo. Isto me contaba Alicia, a miña bisavoa, que o 23 de xuño celebraba o seu santo.

14/6/10

Baralla

Acórdome de xogar ao reputing, á brisca, ao burro e maila albarda, á escoba, ao cinquillo -con pesetas e pesos-, ao chinchón, ao asasino, ao solitario e máis tarde ao tute cabrón. Cada xogo, nun momento e cunha xente distinta.

Boti-bota

Acórdome da Boti-bota que tiña unha veciña, a min dábaseme guai.

Posto de venda

Acórdome de poñer un posto deses de caixa de cartón para vender as nosas cousiñas, libros, cousas para o pelo, chorradas. Só duramos unha hora ou dúas, polo noso barrio non pasaba nindiós. Queríamos ser como os pícaros da praza maior, pero non dábamos para tanto.

Chicles de barrilete

Acórdome dos chicles de barrilete. De cores e sabores múltiples, ao principio a boca enchíase de alegría barrileta, pero acababan sendo un ful, desaboridos.

1/6/10

Asar chourizos

Acórdome de asar chourizos envoltos en papel de aluminio no lume da cociña de leña. Abrir a portiña de ferro con tento, deixalos alí uns minutos e despois comelos era todo un ritual.

Sarabia cubiños de xeo

Acórdome de estármonos bañando no río en Chantada unha tarde de bochorno e de súpeto empezar a caer pedras de xeo do ceo que ata aboiaban os coches.

En bici

Acórdome cando ía en bicicleta a clases de acordeón. Acórdome de cando ía en bici a moitos sitios.

Careixós por gominolas

Acórdome de cando apañamos careixós para Cristina a Castellana, porque nos cambiaba cada un por unha gominola das pequenas. Vaia ful.

4/5/10

Can

Acórdome do can branco que nos ladraba detrás dunha porta de madeira cando volvíamos do cole. Ás veces collíanos desprevenidas e saltaba o corazón.

Coffee time

Acórdome de cando o abuelo ao acabar de comer dicía "coffee time!".

Nokia

Acórdome do meu primeiro teléfono móbil, un Nokia xigante de segunda mao. Qué ben funcionaba.

Pasta de dentes

Acórdome de cando me dixeches que usabas a mesma pasta de dentes ca min.

23/4/10

Voz

Acórdome de cando me chamaches por teléfono e non recoñecín a túa voz.

Globos de auga

Acórdome de xogar con globos pequeniños cheos de auga, fabricados especificamente para iso.

Globo

Acórdome de que estar inflando un globo e descubrir un truco para non asfixiarme: respirar un pouquiño do mesmo aire que deixaba dentro do globo. Cando llelo comuniquei aos maiores, mentres o facía, berráronme: "pero que fas, nena, vas acabar desmaiándote!".

Forma de mazá

Acórdome do bote de cerámica con forma de mazá onde a madriña gardaba os caramelos.

Chupetín

Acórdome do arrecendo do xel de Chupetín.

M ou F

Acórdome de cando discutíamos ata o enfado, chicos contra chicas, se era millor ter perrecha ou ter pito.

Mikolápiz

Acórdome do Mikolápiz e de cando traía de premio outro Mikolápiz. Qué felicidade ilo canxear á taberna.

Cousas que facían bum

Acórdome de quitarlle a cabeza a un misto de cera, abrir e estirar o bandullo doutro misto con coidado, envolver ben a cabeza de fósforo solta, prenderlle lume ao misto preñado e... bum!

Habanera

Acórdome dunha canción que compuxen no acordeón. Pretendía ser unha habanera.

Cumio

Acórdome da túa mao apertándome o pescozo, coma se quixeses no cumio do pracer esganarme.

Ceas de vrao

Acórdome de cear tortilla de patacas cun pouquiño de tomate frito por riba e ensalada. Noites de vrao.

16/2/10

Brancaneves

Acórdome de cando fun disfrazada de Brancaneves e o resto da miña comparsa, as miñas amigas, que ían de ananiños, bruxa, príncipe e cazador, envexáronme insanamente. Aínda me acordo do tacto do disfraz.

Dama antigua

Acórdome de que quería disfrazarme a toda costa de "dama antigua".

Enterro da Sardiña

Acórdome do Enterro da Sardiña na praza Maior, os maiores vestíanse de moros con sabas cubrindo o corpo e a cabeza, con moitos colares e barbas postizas e tiznados de cinza na cara. Eu sospeitaba que bebían bastante viño, en tazas.

Chulas

Acórdome das chulas, que sabían mellor o día despois.

Alpuxarradas

Acórdome de "Se te queres divertir, non tes máis que vir ao Entroido a Viveiro".

9/2/10

Punzón

Acórdome de picar co punzón e logo triquitriquitri, quitar o cachiño de papel picado.

Plástica

Acórdome de que coas ceras facíamos franxas gordas de cores sobre un folio, logo por riba cubríamos todo con cera negra e por fin, cun palillo, rascábamos finamente o negro para que saísen as cores de debaixo...

Cores

Acórdome das ceras Dacs, os lápices de cores Alpino e os rotuladores Carioca.

4/2/10

Máscaras

Acórdome das máscaras de Entroido, que as víamos chegar pola ventá da cociña da avoa e despois petaban á porta pedindo unhas moedas ou freixós.

Campamento

Acórdome de canto choramos cando nos marchamos daquel campamento inolvidable.

Líquido revelador

Acórdome da marabilla de ver positivarse unha fotografía en branco en negro.

Panos con iniciais

Acórdome dos panos bordados con iniciais.

Festas

Acórdome das mazás recubertas de caramelo.

Diglosia

Acórdome de que ás veces desexaba que miña mai me falara publicamente en castellano.

Ascensor

Acórdome de querer vivir nun piso e non nunha casa. Sobre todo por ter ascensor.

Cadramón

Acórdome de que cando alguén era moi bruto dicíamos: "Pareces do Cadramón".

Sherlock Holmes

Acórdome do que me gustaban as aventuras de Sherlock Holmes.

Noxo

Acórdome daquela mestra que lambía os dedos despois de escribir con tiza na pizarra. E da nena que comía as virutas das ceras en canto saían do afía-lápices.

Pena

Acórdome da traizón da miña millor amiga.

Zapatos de voda

Acórdome de calzar os zapatos cos que casou miña mai, brancos e cun pequeno detalle de cores que se me asemellaba a un arco da vella.

Cursilerías

Acórdome de saber facer unha rosa cun lazo do pelo.

Tortilla e lechuga

Acórdome das ceas de tortilla e ensalada, nas noites de vrao.

Primeiro baño

Acórdome do primeiro baño do vrao.

Regaliz

Acórdome de chupar paus de regaliz.

Portaminas

Acórdome de que a miña profe de piano me daba co seu portaminas de metal nas maos cando tocaba mal.

Necesita Mejorar, Progresa Adecuadamente

Acórdome de cando nos daban as notas, dos NM, dos PA, dos - e os +, que contabamos minuciosamente.

5/1/10

Noite de Reis

Acórdome de que o día de Reis espertaba moi cedo e miraba desde a cama a regandixa da porta por onde entraba a luz da mañá en liña. Se tiña algún "obstáculo" era que os regalos xa estaban alí postos, enriba nas zapatillas. Ás veces os Reis chegaban máis tarde que o meu espertar e a impaciencia podíame pero obrigábame a min mesma a agardar na cama. E así foi aínda algúns anos despois de saber que non era que chegasen tarde os Reis, senón que quedaban durmidos.

30/12/09

Arrebato

Acórdome do son que facía a cámara Super 8 ao final de "Arrebato". Só Iván Zulueta puido convertir ese ruido nun silencio devorador.

27/12/09

Desamparo

Acórdome daquel día de Nadal en que meus pais nos deixaron soas durante unhas horas. Era de noite e quixemos acender a árbore, pero enchufamos mal as luces e saltaron os fusibles. A escuras, qué desamparadas nos sentimos.

Reis enfadados

Acórdome de ensinarlle a miña irmá a Casa de Chabel que os Reis Magos tiñan escondida no maleteiro do coche para deixarnos esa noite. Pero os Reis déronse conta de que alguén andivera argallando no paquete e aquel 6 de xaneiro, castigada e avergoñada, vivín a peor mañá de reises da miña vida.

Acordes

Acórdome de que me gustaban os chicos que tocaban a guitarra.

Tanzanitos

Acórdome de comer Tanzanitos.

La pantera rosa

Acórdome da tarde en que un señor que ensaiaba a canción de La pantera rosa co saxo á porta do Conservatorio. Quedei fascinada.

Nirvana

Acórdome de cando queríamos ser grunges.

Informática

Acórdome de que en 3º de BUP escollín como optativa Informática e ensináronme MS-DOS.

19/10/09

Chulita

Acórdome de que o insulto maior que nos podían dicir ás rapazas era o de "chulita".

Camaleón

Acórdome de cando atopamos un camaleón nunha árbore e miña irmá non quería desfacerse del.

Camping

Acórdome dos partidos de petanca e dos playbacks da Década Prodigiosa, naquel camping de perto de Madrid que uns vraos despois se inundara.

Anoitecer

Acórdome de canto me gustaba que no inverno anoitecera pronto.

Tabaco e máis

Acórdome do bus de volta Viveiro-Santiago, onde todo o mundo ía fumando.

Sofía

Acórdome de pegar cousas e escribir nun libro de Los jóvenes castores coma se eu fose Sofía, a sobriña do Inspector Gadget.

Oitavo

Acórdome de que na excursión de oitavo de EXB non o pasei moi ben.

Vergonza

Acórdome de levar posto o pantalón do chándal e a malla de ximnasia rítmica cando un idiota me mirou os peitos e falou deles diante dos seus amigos. Pasei moita vergonza.

Recreo

Acórdome de facer colares cos cornos e as cunchas que atopaba na area do patio do recreo.

Mercromina

Acórdome de botar mercromina nos xeonllos á mínima que tivese unha ferida. Por ver ese vermello intenso.

Ortigas

Acórdome de refregar berzas contra a pel cando me ortigaba.

Ras e cabaliños

Acórdome das ras de San Antonio e dos cabaliños do demo no río. Agora apenas hai.

15/9/09

Lenda urbana

Acórdome cando me contaron dunha morte anunciada no momento en que alguén sacou uns vaqueiros ensangrentados da lavadora.

Alaska

Acórdome de que Alaska nos daba algo de medo presentando La bola de cristal. Chamábanos moito a atención o seu pelo, estabamos seguras de que non o peinaba nunca e iso convertíaa case case nunha bruxa auténtica.

Así duele un verano

Acórdome daquela canción de Migala onde se escoitaba un escena que adoro tomada de El Espíritu de la colmena.

Alba e María

Acórdome de cando a miña irmá e a miña prima María reventaron o termómetro enmarcado para comprobar a temperatura da auga quente.

Colo da avoa

Acórdome de cando me facía a durmida para que a miña avoa me levase no colo á cama e máis tarde, cando eu xa era grandiña, seguía levando a miña irmá e neses momentos, véndoa subir a escaleira que conducía aos nosos cuartos, queríaa máis ca nunca.