Aquel Nadal, os meus reis chegaron máis tarde que os dos meus primos. Cando chegaron, os seus – dos meus primos- camións bolquete “ último berro anos 60” en maquinaria pesada, esvaéronse ante o meu camión de reparto de butano. Nunca tal viramos en Loureiro.Todas as pequenas bombonas ordenadas. Todas pequenas, iguais e ca súa cor butano…. Baixaron, subiron, desprazáronse, rascáronse, machucáronse, perdéronse e finalmente supoño que contaminaron. As veces, síntoas flotando entre as neuronas. Plástico indestrutible. Entón, acordo. LcM
1.- Acórdome que Juan Bonilla coleccionaba exemplares do Je me souviens de Perec, e un día escribiu os seus propios "acórdome(s)". Foi así como descubrín este marabilloso libro, feito de cachiños do cotián, entrañables souvenirs cos que se identificaron emocionados xeracións de franceses que, coma el, viviran a súa infancia e adolescencia entre os anos 50 e 60.
2.- Lendo O único que queda é o amor, atopei un dos recordos de Perec en forma de caixiñas de mistos. Logo saudoume Vila-Matas cos seus Recordos inventados, onde tamén se acordaba de Georges Perec, "que escribió un libro que se titulaba Je me souviens y en el que ninguno de los recuerdos era inventado”. Non sei se é preciso dicir que lembro, como non, os cronopios de Julio Cortázar, que tropezaban seguido cos seus recordos soltos pola casa, e sempre tiñan unha caricia para eles cando pasaban boureando polos pasillos.
3.- Creo este blog e pregúntome: padecerei a melancolía da magdalena?
4 comentarios:
Eu lémbrome dun can de plástico, era o meu preferido!!!
Aquel Nadal, os meus reis chegaron máis tarde que os dos meus primos.
Cando chegaron, os seus – dos meus primos- camións bolquete “ último berro anos 60” en
maquinaria pesada, esvaéronse ante o meu camión de reparto de butano.
Nunca tal viramos en Loureiro.Todas as pequenas bombonas ordenadas.
Todas pequenas, iguais e ca súa cor butano…. Baixaron, subiron, desprazáronse, rascáronse, machucáronse, perdéronse e finalmente supoño que contaminaron.
As veces, síntoas flotando entre as neuronas. Plástico indestrutible.
Entón, acordo.
LcM
Qué precioso recordo. Hai pegadas químicas ben difíciles de borrar.
Isaura.
Anónimo, eu tamén tiven ese camión de reparto de butano. Era unha preciosidade, realmente. Grazas por mo facer lembrar.
Publicar un comentario