23/4/10

Voz

Acórdome de cando me chamaches por teléfono e non recoñecín a túa voz.

Globos de auga

Acórdome de xogar con globos pequeniños cheos de auga, fabricados especificamente para iso.

Globo

Acórdome de que estar inflando un globo e descubrir un truco para non asfixiarme: respirar un pouquiño do mesmo aire que deixaba dentro do globo. Cando llelo comuniquei aos maiores, mentres o facía, berráronme: "pero que fas, nena, vas acabar desmaiándote!".

Forma de mazá

Acórdome do bote de cerámica con forma de mazá onde a madriña gardaba os caramelos.

Chupetín

Acórdome do arrecendo do xel de Chupetín.

M ou F

Acórdome de cando discutíamos ata o enfado, chicos contra chicas, se era millor ter perrecha ou ter pito.

Mikolápiz

Acórdome do Mikolápiz e de cando traía de premio outro Mikolápiz. Qué felicidade ilo canxear á taberna.

Cousas que facían bum

Acórdome de quitarlle a cabeza a un misto de cera, abrir e estirar o bandullo doutro misto con coidado, envolver ben a cabeza de fósforo solta, prenderlle lume ao misto preñado e... bum!

Habanera

Acórdome dunha canción que compuxen no acordeón. Pretendía ser unha habanera.

Cumio

Acórdome da túa mao apertándome o pescozo, coma se quixeses no cumio do pracer esganarme.

Ceas de vrao

Acórdome de cear tortilla de patacas cun pouquiño de tomate frito por riba e ensalada. Noites de vrao.

16/2/10

Brancaneves

Acórdome de cando fun disfrazada de Brancaneves e o resto da miña comparsa, as miñas amigas, que ían de ananiños, bruxa, príncipe e cazador, envexáronme insanamente. Aínda me acordo do tacto do disfraz.

Dama antigua

Acórdome de que quería disfrazarme a toda costa de "dama antigua".

Enterro da Sardiña

Acórdome do Enterro da Sardiña na praza Maior, os maiores vestíanse de moros con sabas cubrindo o corpo e a cabeza, con moitos colares e barbas postizas e tiznados de cinza na cara. Eu sospeitaba que bebían bastante viño, en tazas.

Chulas

Acórdome das chulas, que sabían mellor o día despois.

Alpuxarradas

Acórdome de "Se te queres divertir, non tes máis que vir ao Entroido a Viveiro".

9/2/10

Punzón

Acórdome de picar co punzón e logo triquitriquitri, quitar o cachiño de papel picado.

Plástica

Acórdome de que coas ceras facíamos franxas gordas de cores sobre un folio, logo por riba cubríamos todo con cera negra e por fin, cun palillo, rascábamos finamente o negro para que saísen as cores de debaixo...

Cores

Acórdome das ceras Dacs, os lápices de cores Alpino e os rotuladores Carioca.

4/2/10

Máscaras

Acórdome das máscaras de Entroido, que as víamos chegar pola ventá da cociña da avoa e despois petaban á porta pedindo unhas moedas ou freixós.