29/6/10
Caixa dos botóns
Acórdome da caixa dos botóns no armario do cuarto de coser na casa dos avós. Acórdome de "colle a caixa dos botóns no de coser". Acórdome dos transparentes de cores con forma de lacitos e mazás das chaquetiñas de cando éramos pícaras, dos de madeira alongados das chaquetas gordas dos anos 70, dos dourados das batas das avoas e bisavoas e veciñas. Dos botóns metálicos dos vaqueiros, que nunca se aproveitan pero igualmente gárdanse alí. Tardes de domingo cos dedos fuchicando nos botóns sedantes, organizándoos por tamaños e cores. Buscando cinco iguais para unha camisa. Buscando os máis bonitos para facer un colar que pouco puxen. De cando os dividimos para sempre en dúas caixas, porque xa non cabían todos nunha. Destas últimas non só me acordo: aínda existen.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
4 comentarios:
A de miña mai é de skai vermello, acolchadiño... non vin nunca na vida xoias máis fermosas cás que ten ela aí gardadas.
Un clásico, verdade? Auténticas xoias de todos os tempos! :)
Nas casas da avoa e da miña nai están aínda as vellas caixas metálicas do Cola-Cao cheas de botóns, agullas, fíos... e os ovos de madeira de repasar calcetíns cos que eu tanto xoguei. Hai moitos pequenos recordos agochados nelas.
A nosa caixa de botóns era a das gasas, branca e vermella. A miña agora é de bombóns londinenses.
Publicar un comentario