28/1/09

Corte Inglés

Acórdome de que á feira lle chamabamos o Corte Inglés.

Puré

Acórdome de que o puré de guisantes me daba náuseas.

Enfermidade (4)

Acórdome de que meu pai me conseguiu polos seus propios medios unha televisión para ver o Doutor Who no cuarto do hospital.

Enfermidade (3)

Acórdome de que me esquecín de andar.

Enfermidade (2)

Acórdome dun precioso camisón que tiña debuxadas follas secas.

Enfermidade (1)

De cando estiven enferma de apendicite, acórdome da caixa de música que me regalaron meus avós, vermella, cunha bailarina que tiña un imán para dar voltas ao son de "Para Elisa".

Corte de dixestión, apendicite

Acórdome de que antes de ter apendicite aguda comín cinco ameixas verdes raxando, bañeime no mar e fun feliz.

Wija

Acórdome de que nunca me atrevín a xogar á wija, porque me contaron un suceso relacionado cunhas tesoiras. E das cacofonías de San Ildefonso.

30/11/08

Roxós

Acórdome que da matanza o único que me gustaba era remexer os roxós mentres se facían lentamente enriba da cociña de leña.

Bocadillos

Acórdome dos gorentosos bocadillos de chocolate con queixo para merendar.

Tris-tras

Acórdome da miña irmá cortándolle a perrera a todas as súas bonecas.

Cheiro

Acórdome dun cativo ao que os demais alcumaron "Cheiro", aínda que a min nunca me cheirou mal.

Noxo

Acórdome de primeiro de EGB, cando unha nena manchou de merda os azulexos dos baños e a profesora ao enterarse lle espetou: "Pues ahora lo limpias con la lengua".

Artesán

Acórdome dun experto en esculpir no seu boli bic con letra diminuta as fórmulas químicas.

Un morto

Acórdome da primeira vez que vin a unha persoa morta, un rapaz ao que eu non coñecía, no seu cadaleito aberto para a despedida. O terror non foi a visión directa da morte, senón preguntarme toda a noite por qué lle puxeran algodóns nos buracos do nariz.

Saltóns

Acórdome de cando cazabamos saltóns e os metiamos en caixas de zapatos con furados para que poidesen respirar. De vez en cando metíamos unha folliña ou un pouco de herba para que comesen.

7/10/08

Bombas?

Acórdome de cando na escola había "ameazas de bomba" dalgún alumno e saíamos fóra ata que pasaba a alarma.

Muíños

Acórdome de cando facíamos muíños de vento con papel e unha chincheta.

Máis lambetadas

Acórdome dos caramelos de cuba-libre e dos escalofríos. Acórdome de cando a avoa nos traía "o saqueto", onde ás veces se incluían.

1/9/08

Palistroque

Acórdome cando o panadeiro nos regalaba un palistroque. Devecíamos por el.